Actividades de Educación Primaria
“Rosalía nunha verba”
Con motivo do 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, no noso centro quixemos renderlle unha pequena homenaxe a unha das figuras máis representativas da nosa literatura e da nosa identidade.
Baixo o título “Rosalía nunha verba”, cada curso reflexionou sobre o que Rosalía significa para nós hoxe. O reto era definila nunha soa palabra: unha palabra que resumise a súa voz, a súa forza, o seu compromiso, a súa sensibilidade e a súa pegada na nosa cultura.
Escribimos esa verba no interior dunha camelia, flor fondamente vinculada á súa imaxe e símbolo que nos evoca a delicadeza, a resistencia e a beleza da súa obra. Todas as camelias, xuntas, conformaron un mural colectivo creando unha composición chea de significado.
A través desta actividade non só lembramos a Rosalía, senón que reafirmamos o valor da nosa lingua, da nosa cultura e da palabra como ferramenta de expresión e identidade.
Porque Rosalía segue viva en cada verso, en cada lembranza e, sobre todo, en cada verba.
