O pasado 10 de abril os cursos de 1º e 3º da ESO visitaron no museo MARCO de Vigo a exposición de Roberto Huarcaya. Considerado un artista esencial na exploración de técnicas fotográficas experimentais e na representación da relación entre o ser humano e a natureza, Roberto Huarcaya (Lima, 1959) desenvolveu unha práctica artística centrada no uso de fotogramas de gran formato, realizados sen cámara, que capturan a esencia de diversas paisaxes e personaxes peruanos mediante o contacto directo de elementos naturais co papel fotosensible.
A maiores da visita guiada, os alumnos tamén realizaron unha actividade práctica consistente en facer cada un deles un cianotipo (impresión fotográfica en papel fotosensible azul).
