Un ano máis, celebramos no noso centro unha das tradicións máis arraigadas do outono galego: o Magosto.
Aínda que o tempo non acompañou todo o que nos gustaría, as etapas de Educación Infantil e Primaria non deixaron que a choiva lles estragase a festa e puideron gozar dunha xornada chea de diversión con diferentes xogos populares, recuperando tradicións e compartindo momentos de lecer cos compañeiros e compañeiras.
O alumnado da ESO, dos Ciclos Formativos de Grao Medio e de Bacharelato tamén participou nesta celebración, contribuíndo a crear un ambiente festivo e de convivencia no que a castaña foi, unha vez máis, a gran protagonista.
Porque o Magosto é moito máis ca unha festa: é unha oportunidade para compartir, convivir, manter vivas as nosas tradicións e desfrutar xuntos da cultura galega.























